30/04/2025
O vindeiro 8 de maio ás 16:30 h, o Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá unha nova edición de Diálogos Inspiradores, unha iniciativa promovida polo grupo LIESGA no marco do programa #ConectaESGalega.
Nesta ocasión, o encontro pon o foco na cultura como motor de innovación social e desenvolvemento local, e no papel que o cooperativismo pode xogar como ferramenta transformadora ao servizo das persoas.
Falaremos de como a cultura e o emprendemento colectivo se entrelazan para dar resposta aos retos do territorio, apostando por modelos máis inclusivos, sostibles e conectados coa comunidade. Unha oportunidade para coñecer iniciativas que transforman a forma de producir, difundir e vivir a cultura.
Interveñen:
-
Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo, Emprego e Economía Social da Xunta de Galicia.
-
María Villamarón, socia traballadora de NUMAX S. Coop. Galega, responsable da libraría e comunicación.
-
Isabel Neira, catedrática da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e integrante do grupo LIESGA.
Desde LIESGA convidámoste a participar e reflexionar connosco sobre como construír unha Galicia máis creativa, participativa e centrada no ben común.
A inscrición está aberta e pode realizarse a través do seguinte enlace.
Os ‘Diálogos Inspiradores’ forman parte da programación de ConectaESGalega, unha iniciativa que busca fomentar o diálogo entre a economía social e os sectores tecnolóxicos e innovadores en Galicia.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2024-2025 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada porla Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais daConsellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía social.